lunes, 28 de mayo de 2007

Resultados electorais

Xa temos aquí os resultados electorais destas eleccións municipais 2007. Chegou a hora da verdade. Ainda que o tópico electoral di que todos gañan e ninguén perde, o certo é que se hai un gañador ten que haber un perdedor, nisto a política é como o hakuna matata , o ciclo da vida da disney, se un é predador outro ten que ser presa, non che hai máis volta. E cal foi o papel de Carlos Marcos nestas eleccions? gañador ou perdedor? vexamos os números e tiremos conclusións.

O PG na Coruña obtivo 3744 votos, que é o 1,70% do electorado (220.265 persoas censadas) e o 3,18% dos votos, moi lonxe do partido que ten menor presencia no concello, o BNG, con 24355 votos, que representan o 11,06% do electorado e o 20,66% dos votos. Os resultados de Carlos Marcos sitúano ao nivel do voto en branco (3707 votos en branco, o 1,68% do censo e 3,14% dos votos) e de EU-IU (ainda que por baixo) que obtivo 3806 votos que represtan o 1,73% do censo e o 3,23% dos votos e que tampouco conseguira representación nas eleccións municipais do 2003. Podemos dicer por tanto que o PG na Coruña ten unha representación marxinal, comparable ao voto en branco ou a EU-IU. O dato da semellanza con voto en branco é interesante porque o voto en branco representa o descontento con todas as propostas políticas que concorren ás eleccións e precisamente Carlos Marcos promovía unha proposta 'coruñesista', localista e diferente do xeito de facer 'política' dos 'políticos', supostamente dirixido a movilizar ao electorado coruñes descontento da politica e dos políticos locais. Pois ben, parece que os coruñeses están tan descontentos coa forma de facer política do señor Marcos como cos demais politicos en xeral, non parece que propoña nada novo nen diferenciado.

Entón estes resultados son un éxito ou un fracaso para o PG e para Carlos Marcos en particular? Para o PG é evidente que son un fracaso pois non só non acadou representación en ningún concello de máis de trinta mil habitantes (1 concellal en Cambre, 2 en Oroso e 1 en Padrón, 1 en Modoñedo, 1 en Samos, 1 en Sarria e 2 en Redondela, este último é o máis importante dos que conqueriu) e sen representación en Ourense. Para Carlos Marcos foi un fracaso se atendemos aos seus obxectivos de ser alcalde, mais podemos asumir que ese era un obxectivo irreal por demasiado optimista e acordar que un obxectivo máis realista era ter representación no concello. Tendo en conta que este obxectivo non só non se conqueriu senón que quedou bastante lonxe da porcentaxe necesaria para sentarse en María Pita, podemos calificar a campaña de Carlos Marcos como un fracaso en toda regra. Parece que o proprio Carlos Marcos recoñece o seu fracaso admitindo que é un mal resultado e que perderon tanto en votos como en obxectivos. Parece que está a reflexionar se voltará a se presentar nas vindeiras eleccions ou non. Penso que ten moito que reflexionar, especialmente se decide presentarse outra vez.

Falaremos nunha vindeira entrada das razóns polas que fracasou o proxecto de Carlos Marcos (segundo a miña opinión obviamente) e das mensaxes equivocadas que estivo a dar na campaña. Tamén comentaremos algunhas cousas que quedaron pendentes porque colleunos a jornada de reflexión e a propria xornada electoral sen tempo para publicar.

Compre mencionar tamén os paupérrimos resultados do partido CORCOBA do señor Corcoba (hai que ser fachendoso para chamar ao teu partido co teu apelido) cuxos obxectivos eran obter al menos un concellal (él mesmo é de supoñer) e estivo ainda por baixo do PG e do voto en branco con 2546 votos que representan o 2,16% do censo e o 1,16% dos votos.


Tamén quixera resaltar os resultados do PUM+J (Por Un Mundo más Justo) con 673 votos que ainda que representan un decepcionante 0,31% dos votos e 0,57% do censo, non deixa de ser curioso que un partido con semellante nome e un smiley por logo quedase por riba do histórico CDS (164 votos, 0,14% do censo e 0,07% dos votos) cuadruplicando os seus votos. Gostaríame salientar o seu estilo e fair play xa que en troques de proclamar o seu triunfo electoral o primero que fan na sua web é agradecer a todos os que os votaron, con as seguintes palabras:

Gracias a ti, por primera vez hemos podido votar en nuestras ciudades para que resolver la pobreza sea una prioridad en la política actual. Gracias por votarnos en Alicante, Barcelona, Bilbao, La Coruña, Madrid, Comunidad de Madrid, Murcia, Palma de Mallorca, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria y Zaragoza

Desde aquí quixera agradecer a Lila Fernández á súa candidatura e animala a seguir na política coas suas propostas, é especialmente na Coruña onde espero vela como candidata nas próximas eleccions. Acho que o simpático PUM+J é un partido necesario e con propostas interesantes.

Mais para rematar cun sorriso este proceso electoral falemos da que xa parece a especialidade da casa. Os que seguides este blog sabedes que atopamos na numeroloxía o que parecía ser a pedra filosofal da campaña de Carlos Marcos, ala onde mirabamos saía o número máxico 90 que parecía condicionar todas as suas actividades (90 viaxes en avioneta, 90 banderolas de mais, 90 palabras no paragrafo galego-castelán ao estilo Marcos, 90 era p número do seu nome como 666 era o número da besta...) e diciamos que habería que ter coidado no caso de sair alcalde e analizar o futuro baixo o prisma do número máxico que tanto o condicionaba.

Pero entón exerceu o numeriño o seu influxo na campaña? pois se voltamos a xogar coa numeroloxía veremos que os votos de Carlos Marcos (3744) sitúanse entre os votos de EU-IU (3806) por arriba como límite superior e os votos en branco (3707) por abaixo como límite inferior. Se restamos os votos de Carlos Marcos dos votos de EU-IU, obtemos 62 votos que lle faltarían ao señor Marcos para alcanzar a EU-IU, se agora restamos aos votos de Carlos Marcos os votos en branco, temos 37 votos que ten de vantaxe Carlos Marcos sobre o voto en branco, en total 99 votos. Se facemos o mesmo coas porcentaxes de votos e calculamos as diferencias da parte decimal que é a significativa (multiplicando cada porcentaxe por 100 para traballar con enteiros e calcular as diferencias da parte decimal) obtemos que a vantaxe de EU-IU (3,23%) sobre o PG de Carlos Marcos (3,18%) é de 323-318 = 5 unidades, mentres que a vantaxe do PG sobre o voto en branco (3,14%) é de 318-114 = 4 unidades, que dan un total de 9 unidades. Se agora restamos o número total de votos e as unidades de diferencia porcentual temos 99-9 = 90, o número máxico de novo! Parece que ao final os resultados do señor Marcos explicanse pola numeroloxía e xa se sabe que nada se pode facer contra o destino, iso lle debería contar Carlos Marcos ao seu presidente o señor Souto, para se xustificar, ou non? ;)

No hay comentarios: